Festival Intercéltico do Morrazo

O Festival Intercéltico do Morrazo (FIM) é dos festivais folk máis veteranos da Galiza e tamén dos máis antigos de toda a península ibérica. Organízase de forma ininterrumpida dende o ano 1985, e xa é un clásico imprescindíbel da axenda do folk europea. De feito, desde hai vinte anos, en 2003, foi declarado evento de Interese Comunitario polo Parlamento Europeo e evento de Interese Cultural polo Ministerio de Cultura.
O FIM enche a comarca do Morrazo e en particular a vila de Moaña con concertos e outras actividades ligadas á música como obradoiros, actividades e mostra de instrumentos tradicionais.

Este ano, decorrerá entre o 26 e o 30 de xullo, e poderá desfrutarse, como nas edicións anteriores, de forma gratuíta, contando cun completo programa. Xúntase frente o mar da ría de Vigo o mellor do panorama da música celta a nivel internacional xunto cos e as artistas máis destacados do noso país.  Do mércores ao domingo poderán visitarse a Mostra A Moa; a Mostra de Artesanía e a de Cultura Tradicional de Moaña. Tamén se ofrecen dous obradoiros: No sábado 29, ás 20:30h obradoiro de baile tradicional con Manolo Cobas. E o domingo 30, ás 19h, obradoiro de danzas do mundo con Suso Cancelo.

Programa

O programa de concertos é o que segue:

Mércores 26 (a partir das 20.45h)
· Arco da Vella
· Meiramar Axóuxeres
· Breogán

Xoves 27 (a partir das 20.45h)
· Gaiteiros de Moaña
· Salgharitas
· Solaina
· Charabascas

Venres 28 (a partir das 22.00h)
· Caamaño & Ameixeiras
· Goitse

Sábado 29 (a partir das 22.00h)
· Xabier Díaz e Adulfeiras de Salitre
· Calum Stewart

Domingo 30 (ás 12.30h e a partir das 20.00h)
· Pataghullos
· Estatal e Monteira