O Festival Intercéltico do Morrazo fai 41 anos

Do 23 ao 27 de xullo, Moaña voltará converterse no epicentro da música celta e da cultura tradicional coa celebración da 41ª edición do Festival Intercéltico do Morrazo. Organizado polo Concello de Moaña, este evento é xa un referente da música folk internacional.

Desde a súa primeira edición en 1985, por iniciativa da escola de gaitas Semente Nova de Moaña, o Festival Intercéltico mantivo o seu compromiso coa cultura tradicional, ficando posteriormente a organización en mans do Concello.

Ano tras ano, xunta artistas de renome e milleiros de persoas que se achegan para gozar da experiencia, non só musical, mais tamén social, arredor da mostra de artesanía e tradición “A Moa”, que estará aberta ao público cinco días, cunha ampla oferta de obradoiros para todas as idades, exhibicións de traxes tradicionais, expositores de artesanía e actuacións.

Fotografía: Diego Seixo.

En destaque, a programación deste ano trae, o venres, 25 de xullo, a Ailá, o grupo tradicional compostelano, fraguado nas foliadas da Casa das Crechas, conformado polo acordeonista e bombeiro Xan Pampín -con experiencia en grupos como Radio Cos ou a Banda das Crechas-, a voz, gaita e percusións de Manuele Pardo -que tocou con Os da Porfía, Enxebres de San Lázaro, A requinta de Xián e a AC a Mámou de Luou-, a rianxeira Ángela Carou, voz e percusión con formación na AC Brincadeira, AC Fogo Fátuo e no grupo vocal Fonetix, e, á trompeta e fliscorno, Abel Gañete, formado na Banda de Música Cultural de Teo, Big Band de Marcos Pin e Pablo Castaño, e na Charanga TNT.

Ailá compartirá escenario cos míticos Dervish: chegados de Connacht, na costa oeste de Irlanda, e unha das bandas máis recoñecidas do folk celta mundial, fundada en 1989 e formada por Brian McDonagh, Mandola Liam Kelly, Tom Morrow, Fiddle Shane Mitchell, Cathy Jordan e Michael Holmes. Gravaron dez discos e teñen actuado nos máis prestixiosos festivais celtas do mundo, incluído o de Ortigueira, nas edicións de 1996 e 2007, ano en que tamén representaron o seu país, Irlanda, no Festival de Eurovisión co tema «They Can’t Stop The Spring».

O sábado, 26 de xullo, estará Ross Ainslie & Tim Edey: dous mestres da música escocesa. Ainslie, escocés e mestre da gaita e do whistle, combina virtuosismo técnico cun fondo creativo singular. Edey, inglés de raíces irlandesas, é un multiinstrumentista brillante cun estilo expresivo na guitarra e no acordeón diatónico. Xuntos forman un dúo de grande complicidade musical, cun repertorio que mestura composicións orixinais con pezas tradicionais. A súa música, fondamente enraizada pero sempre fresca, é un diálogo vivo entre tradición e innovación.

Fotografía: Diego Seixo.

E as Tanxugueiras poñeran o broche á noite do sábado. O trío galego formado por Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro, combinan as cantigas e ritmos ancestrais coa linguaxe actual, sen perder a esencia da tradición oral. Con voces potentes e percusión vibrante, reivindican a forza das mulleres e da cultura galega con mensaxes comprometidas.

O Festival Intercéltico do Morrazo 2025 será, máis unha vez, unha celebración da diversidade, das raíces e da creatividade. Un espazo onde a tradición non é unha homenaxe ao pasado, senón unha ponte cara ao futuro.