Na gaita, o punteiro é a peza encargada de construír a melodía e de converter o aire do fol en música. É nel onde o gaiteiro pousa os dedos e onde se define boa parte do carácter do instrumento. Sen punteiro non hai canto, e por iso adoita considerarse o corazón melódico da gaita, o lugar no que conflúen tradición, técnica e oficio artesanal.

O punteiro é un tubo cónico, perforado cunha serie de buratos dispostos con precisión. A súa forma interior, o diámetro, a posición exacta dos buratos e a relación coa palleta determinan a afinación, a distribución da escala e a resposta sonora. Pequenas variacións nestes parámetros poden modificar o timbre e a facilidade de execución, polo que a fabricación dun punteiro require ouvido e experiencia.

Lijado de pieza de gaita

Ao longo da historia da gaita galega, o punteiro foi evolucionando ao mesmo tempo que o repertorio e as necesidades dos gaiteiros e gaiteiras. Dos modelos máis rústicos e irregulares até punteiros pensados para afinacións máis estábeis e contextos musicais diversos, esta peza reflicte a adaptación constante entre tradición e práctica musical viva.

No obradoiro de Pablo Martínez traballamos punteiros pensados para adaptarse a distintas necesidades. Cada modelo responde a unha función concreta, sempre co mesmo coidado artesanal e coa intención de ofrecer instrumentos honestos e funcionais.

Fotografía: Punteiro da gaita de Xan de Campañó, o máis antiguo coñecido. Universidade de Vigo.

O punteiro de aprendizaxe está deseñado para facilitar os primeiros pasos na gaita. Disponíbeis nas tonalidades Si bemol, Do, Re e Sol. A súa resposta estábel permite a quen está a aprender centrarse na dixitación, na escoita das notas e no control do aire. É unha ferramenta pensada para estudar con comodidade, para interiorizar a escala e para construír unha base sólida sobre a que seguir avanzando.

O punteiro xordo, máis que xordo é mudo. É ideal para practicar sen facer barullo, xa que ten unha canle estreita que comprime o son en lugar de amplificalo. Pódese tocar directamente, ou ben acoplalo na buxa da gaita e practicar coa gaita completa. Permite traballar a dixitación e o control do sopro en contextos nos que non se busca proxección sonora.

Aínda, no obradoiro, facemos punteiros a medida, podendo escoller entre madeira de buxo, bubinga e campicerán, e decidir o tipo de anelado que prefires, entre aceiro, aluminio e metacrilato branco.

Xunto a estes modelos acústicos, no obradoiro tamén ofrecemos o Trino, un punteiro electrónico que dixitaliza a gaita: permite mudar afinacións e escalas e usalo con programas musicais sen perder a sensación tradicional.

Cada un destes punteiros responde a unha necesidade distinta, pero todos comparten a mesma filosofía de construción: madeira seleccionada, precisión no traballo e respecto pola tradición da gaita galega. Porque entendemos que o punteiro non é só unha peza máis do instrumento, é o lugar onde o aire comeza a transformarse en música.