Se hai un material protagonista no noso obradoiro é a madeira. As mellores pezas son as que veñen parar ás mans do noso luthier Pablo Martínez, para remataren sendo carne de música.
Buxo
Unha das nosas básicas é o buxo galego (buxus sempervirens), umha árbore senlleira, que medra amodo e florea de febreiro a maio. Ten unha madeira branca, dura e rexa, cunha densidade de entre 900 e 1030kg/m³ e unha estructura homoxénea e non fibrosa. Para traballar con ela ten un corte limpo e foi usada tradicionalmente para pezas artísticas, como prancha de gravados e imprentas. Tamén para ferramentas tradicionais como culleres, garfos, fusos, palillos de Camariñas, buxainas e outros obxectos, sendo a elaboración de gaitas un dos seus usos máis prezados.
Mas non só de buxo viva a gaita galega contemporánea! Traballamos con moitas máis, da man de Maderas Barber, de quen tamén somos distribuidores oficiais. Ofrecemos unha ampla gama coa selección das mellores madeiras para luthiers:
Bubinga
Entre as máis distinguidas madeiras africanas, destaca a buginga (guibourtia spp), unha madeira orixinaria de Gabón, de cor avermellada e densidade de entre 700 e 900 kg/m³, resistente e estábel. É utilizada para instrumentos de vento e percusión, dando moi bo resultado.
Ébano
O ébano (diospyros crassiflora Hiern) é importado de Camerún e Nixeria, fundamentalmente. É coñecido pola súa extraordinaria cor negra, ten unha densidade de entre 1000 e 1275kg/m³. Como recomendacións cómpre ter especial coidado coas mudanzas de temperatura e humidade, xa que podería agretar.
Granadillo
O granadillo ou granadilla (dalbergia melanoxylon) é unha madeira moi prezada polas súas cualidades sonoras, é orixinaria de Mozambique e Tanzania, e ten tamén unha intensa cor negra, e unha alta densidade de entre 1250 e 1300kg/m³.
Mopane
O mopane (colophospermum mopane), procede de Malawi, Zambia, Zimbabwe e o norte da África do Sur. É unha madeira de cor amarelo claro, cunha densidade de 1300 kg/m³ que require secado lento. Para o traballo con ela no torno é moi estábel e ten boa adherencia.
A nivel sonoro ofrece un son cálido, rico e equilibrado.
Campicerán
Mudando de continente, o campicerán (Dalbergia granadillo Pitt.), procedente do México, é unha madeira da cor do café, con densidade de entre 990 e 1250 kg/m³, famosa polo seu “corazón púrpura”, un núcleo desta cor. É moi aceitosa, e pode presentar complicacións para o encolado. Positivamente, presente moi boa durabilidade. É utilizada nos diapasóns e tamén en instrumentos de vento.
Coco-bolo
O coco-bolo (dalbergia retusa), tamén orixinario de México e outros países de América Central, é unha madeira avermellada con vetas negras e unha densidade de entre 990 e 1250 kg/m³. É de secado lento, de tendencia aceitosa e tamén pode presentar dificudade para o encolado. Presenta alta durabilidade e estabilidade frente a humidade.
O coco-bolo, unha árbore de entre 20-25 m de altura, é unha especie de flora protexida e incluída no acordo CITES. Así contrólase a súa comercialización e evítase o contrabando.
Mención especial merecen as madeiras procedentes do Brasil:
Pao Rosa
O pao Rosa (dalbergia frutescens), presenta vetas rosadas, cunha densidade de entre 1010 e 1040 kg/m³, destaca polas súas cualidades sonoras e estéticas e é ideal para instrumentos de vento.
Pao Violeta
O pao Violeta (dalbergia cearensis), tamén orixinal do Brasil, é similar á madeira anterior, cun ton violeta e unha densidade de 1020 kg/m³, moi aprezada tanto esteticamente como polo seu resultado sonoro. Ideal para ventos.
Pao Ferro
O pao Ferro (machaerium scleroxylon) é outro dos básicos brasileiros, madeira de varias tonalidades de castaño e veta escura cunha densidade de 940kg/m³. Ten unha moi boa relación calidade prezo, sendo de uso frecuente en guitarras e baixos.
Pequia
Seguindo con Brasil, a pequia (aspidosperma ponenposum) é unha madeira de cor amarelo claro, de densidade 1060 kg/m³ e moi boas calidades sonoras, de novo ideal para ventos.
E retornando a madeiras máis próximas, as que utilizamos para percusión son:
Nogueira
A nogueira (junglans regia), dunha característica cor castaña e densidade de entre 700 e 780kg/m³.
Piñeiro galego
E, por suposto, un básico da nosa terra, o piñeiro galego (pinus pinaster ait), de cor clara e uso xeralizado, é unha madeira de pouco peso, de densidade 530kg/m³, boa traballabilidade e moi económica.