Hai todo un camiño que o aire debe percorrer polo interior da gaita para facer realidade o son da música. Ese camiño, invisíbel pero esencial, está condicionado, entre outras pezas, polo soprete e as buxas. Elementos discretos, mais que determinan en grande medida a estabilidade e a resposta do instrumento.
O soprete é o punto de entrada do aire. Nel é onde o gaiteiro pon o bico e aí estabelécese o primeiro contacto entre quen toca e o sistema interno da gaita, e a súa función vai máis alá de simplemente conducir o sopro. Pablo Martínez mima cada peza no noso obradoiro, para garantir un fluxo estábel, cómodo e continuo, permitindo que o aire entre sen interrupcións e sen perdas. Con boquillas intercambiábeis e un sistema de válvula nuser que impide o retorno do aire e mellora o comportamento xeral do instrumento, contribuíndo a reducir a acumulación de humidade derivada do uso.
No noso obradoiro, o soplete enténdese como unha peza de precisión e de contacto directo coa persoa que toca, polo que a súa ergonomía e resposta son aspectos fundamentais no seu deseño e construción.
Unha vez o aire entra no fol e comeza o seu percorrido interno, aparecen as buxas, encargadas de unir o fol cos distintos tubos da gaita. Son pezas de conexión, pero tamén de equilibrio, xa que deben garantir unha estanqueidade perfecta para que a presión interna se manteña estábel.
Cada buxa está deseñada especificamente para a súa función, adaptándose ás dimensións e necesidades de cada punto de unión. Por iso diferenciamos buxas de punteiro, de ronco, de ronqueta, de chillón e de soprete. Aínda que a súa función básica é común, cada unha responde a un encaixe concreto dentro do instrumento.
Tanto o soprete como as buxas forman parte dun mesmo sistema de compoñentes no que a elección da madeira é un aspecto importante. No obradoiro traballamos con diferentes madeiras, escollidas pola súa densidade, estabilidade e comportamento fronte á humidade. Entre elas atópanse a pequia, o pau ferro, o pau violeta, o pau rosa, o granadillo, o ébano, o cocobolo, o campincerán, o buxo e a bubinga. A madeira non se entende aquí como un elemento apenas estético, senón como unha decisión técnica que inflúe na estabilidade, na durabilidade e no comportamento global do conxunto.
O conxunto formado polo soprete e as buxas non adoita ser o protagonista visual da gaita, pero si unha das bases fundamentais do seu funcionamento interno. Sen un fluxo de aire ben guiado e sen conexións seguras entre as súas partes, o resto do instrumento perde estabilidade e coherencia.
Son pezas discretas, case invisíbeis para quen escoita, pero decisivas para quen toca. E como acontece tantas veces na construción artesanal, é precisamente neses elementos menos aparentes onde se sostén boa parte da calidade final do instrumento.