Os tecidos máis frecuentes eran de producción local: liño, lá e outros materiais de confección artesán. Aínda que as clases máis abastadas tamén conseguían materiais de importanción como veludo ou seda.

Fotografía: @wikimedia commons
A industrialización e o comercio influíron moito nos modos de vestir, afectando, por exemplo, ás posibilidades de introducir cores, logradas con tintes vexetais, para darlles destaque a algunhas prendas.
O traxe feminino consistía nunha chambra ou camisa que facía as funcións de roupa interior. Complementábanse con pololos e enaugas, no caso das clases altas e de contornos urbanos. Por riba vestíanse unha serie de refaixos, e sobre iso ía a saia, ou a basquiña, unha especie de saia, aberta na parte posterior, onde monta un estremo sobre o outro. Por cima podía levarse un mantelo e finalmente un mandil, como prenda de cotío. Sobre a camisa usábase un corpiño e un mantón cruzado. Tamén podía incorporarse o dengue, unha especie de capa que cubría os ombros e se cruzaba no peito, propio dos días de festa e de persoas adiñeiradas.
Aínda que era habitual as persoas andaren descalzas, as zocas de madeira eran un calzado popular, e tamén os zocos, usados tanto por homes como por mulleres. Quen tiña posibilidade económica, podía contar tamén con zapatos, que as mulleres levaban con medias caladas nos días de festa.
A cabeza ía cuberta con frecuencia: con panos, cofias ou sombreiros. E o cabelo ía recollido, en trenzas ou moños.

O traxe masculino constaba dun calzón curto, sobre o que se poñían unhas cirolas de lenzo ou estopa que chegaban aos xeonllos, ou algo máis longas. As polainas resgardaban a parte da perna entre o xeonllo e o pé. Posteriormente popularizáronse os pantalóns, aínda que as polainas de coiro seguiron a usarse moito tempo por seren útiles nas tarefas labregas.
A cintura cinguíase cunha faixa, que protexía os cadrís, por riba do pantalón e da camisa. A camisa era ampla e podía ter adornos nos puños ou no pescozo. Sobre isto levávase un chaleco ou caqueta curta.
Na cabeza usábase pucho, ou ben un pano e monteira e máis recentemente, sombreiros.
Unha peza especial do vestiario son as corozas, feitas con xuncos, eran o impermeábel popular ideal para pasear sen necesidade de paraugas.


Fotografías: @wikimedia
A comezos do século XX Perfecto Feijoo xa denunciaba que se estaba a producir unha alteración do traxe por mor da vocación das corais de uniformaren o vestiario de todo o grupo. E durante o franquismo, en particular coa intervención da Sección Feminina da Falanxe, produciuse unha estandarización brutal que cortou toda a diversidade da indumentaria tradicional. Foi despois, a partir da década dos oitenta que se retomaron traballos de campo para procurar referencias máis fidedignas do que podería ter sido o traxe sen as deturpacións sufridas pola dictadura e tamén pola tendencia vaidosa a sobrecargar de xoiaría as propostas cando comezaron a ser pensadas para a exibición e o espectáculo.
A recuperación do traxe continúa, e para alén do labor etnográfico de recuperación dun patrimonio inmaterial fundamental, a introdución de elementos do vestiario tradicional na roupa contemporánea é unha inspiración estimulante para a vangarda da moda.