O pandeiro é un dos intrumentos de percusión máis recoñecidos e valorados, moi importante nos fiadeiros, ruadas e seráns, do que conservamos moita información grazas á transmisión oral através da música cantada, onde é amplamente referenciado. De feito, segundo o estudo de Carlos Rei Cebral sobre os instrumentos musicais na lírica tradicional galega, a frecuencia da referencia ao pandeiro nas letras das coplas conta con un número de mencións moi elevado, por diante da gaita ou a pandeireta.
No noso obradoiro temos pandeiros de man e de peito: tres modelos de pandeiro de man, nos tamaños 33 cm x 33 cm, 36×36 cm e 40x40cm. Despois xa pasamos ao pandeiro de peito, de 40x40cm e do que dispoñemos dun modelo clásico e dun afinábel.
Constrúese sobre un marco cadrado de madeira fixado con puntas e recuberto da membrana na que ser percute -tradicionalmente coiro- polas dúas caras, sendo daquela, un instrumento bimembranófono.
Antigamente téñense identificado diversidade de pandeiros; de feito, nin sequera o formato cadrado era unha característica fixa, xa que hai documentadas referencias de pandeiros redondos, triangulares e até eneágonais, segundo defendeu o etnógrafo Xaquín Lorenzo, quen recolleu na Baixa Limia esta copla que fala dun pandeiro de nove esquinas: Pandeiro de catro esquinas/ ben pudera ser de nove;/ ben puderas ti, meniña,/ dar a limosn’ó probe. Contodo, o formato cadrado impúxose, e de forma maioritaria xa estaba integrada desde o século XVIII – paralelamente, segundo sinala o investigador Pablo Carpintero, “á caída en desuso do termo adufe, como sinónimo de pandeiro cadrado.”
Tamén hai rexistro de pandeiros con bordóns pendurados, fitas de tea e até deseños pintados: No nacemento das Agustinas de Vilagarcía de Arousa (s. XVIII) consérvase unha figuriña cunha tocadora que terma dun pandeiro ornado.
Fotografía: Consello da Cultura Galega
Tamén através das coplas, chegan referencias deste tipo de acabados, como deseños pintados sobre a membrana: O pandeiro de Abelleiro/ ten un paxaro pintado./ Ten un rei, ten unha reina,/ ten un vivo colorado.
Este tipo de elementos son infrequentes hoxe, porén, o costume de ornamentar con unha fita encarnada o contorno do marco mantívose, e no noso obradoiro loce vermella a fita do pandeiro de man máis pequeno.
Outro tipo de “extras” son as incorporacións de elementos para modificar o aspecto sonoro, como axóuxeres ou campaíñas cravadas, ou amarradas. Aínda, como outro xeito de procurar o tinteneo, téñenselle introducido no interior fabas secas ou outros elementos que aumentasen o barullo. Hoxe esta práctica perdeuse.
Debido ao seu tamaño, a membrana do pandeiro é das mais esixentes na percusión, daí tamén moitas referencias á resistencia do coiro nas coplas: Repinica no pandeiro,/non rompe que é d’este ano,/polo pelexo n’hai duda,/que é pelexo de escribano. Ou Este pandeiro que toco/ éche de coiro de xuez,/ toca pandeiriño toca/ que ben duro coiro tés e ainda o mítico coiro de cacique, para o cal hai diferentes coplas: Este pandeiro que toco/ é de coiro de cacique;/ toca, meu pandeiro, toca,/ toca pra que me desquite. Sendo a máis coñecida: Este pandeiro que toco/ por moito que o repenique/ non teñas medo que rompa/ que é de coiro de cacique.
O material da pelica hoxe é sintético e vegano, un coiro que consegue excelentes resultados sonoros, garantindo a maior estabilidade e durabilidade, porén non sempre foi así, e de feito, através das coplas recóllense referencias a moitos animais diferentes, como ovellas: Este pandeiro que toco/ era de coiro d’ovella/ que morrera de morriña,/ que de morriña morrera. De corzo: Este pandeiro que toco/ é de pelico de corzo;/ tócano en Pelendreira/ e arresona en Arandoxo. E até de can: Este pandeiro que toco/ é de pelica de can/ que murríu á túa porta/ por un bocado de panh-e.
Fose co coiro que fose, a función era sempre a mesma: acompañar o canto e o baile: Comenzade vós primeiro/ comenzade vós primeiro/ na miña terra comenzan/ tocadoras do pandeiro.
E con coplas para pandeirada despedímonos: Iste pandeiro qu’eu toco,/ sente com’unha persoa,/ unhas veces canta e ríe,/ outras veces ríe e chora.