O pandeiro é un dos intrumentos de percusión máis recoñecidos e valorados, moi importante nos fiadeiros, ruadas e seráns, do que conservamos moita información grazas á transmisión oral através da música cantada, onde é amplamente referenciado. De feito, segundo o estudo de Carlos Rei Cebral sobre os instrumentos musicais na lírica tradicional galega, a frecuencia da referencia ao pandeiro nas letras das coplas conta con un número de mencións moi elevado, por diante da gaita ou a pandeireta.

 

No noso obradoiro temos pandeiros de man e de peito: tres modelos de pandeiro de man, nos tamaños 33 cm x 33 cm, 36×36 cm e 40x40cm. Despois xa pasamos ao pandeiro de peito, de 40x40cm e do que dispoñemos dun modelo clásico e dun afinábel.

Constrúese sobre un marco cadrado de madeira fixado con puntas e recuberto da membrana na que ser percute -tradicionalmente coiro- polas dúas caras, sendo daquela, un instrumento bimembranófono.

Antigamente téñense identificado diversidade de pandeiros; de feito, nin sequera o formato cadrado era unha característica fixa, xa que hai documentadas referencias de pandeiros redondos, triangulares e até eneágonais, segundo defendeu o etnógrafo Xaquín Lorenzo, quen recolleu na Baixa Limia esta copla que fala dun pandeiro de nove esquinas: Pandeiro de catro esquinas/ ben pudera ser de nove;/ ben puderas ti, meniña,/ dar a limosn’ó probe. Contodo, o formato cadrado impúxose, e de forma maioritaria xa estaba integrada desde o século XVIII – paralelamente, segundo sinala o investigador Pablo Carpintero, “á caída en desuso do termo adufe, como sinónimo de pandeiro cadrado.” 

Tamén hai rexistro de pandeiros con bordóns pendurados, fitas de tea e até deseños pintados: No nacemento das Agustinas de Vilagarcía de Arousa (s. XVIII) consérvase unha figuriña cunha tocadora que terma dun pandeiro ornado. 


Tamén através das coplas, chegan referencias deste tipo de acabados, como deseños pintados sobre a membrana: O pandeiro de Abelleiro/ ten un paxaro pintado./ Ten un rei, ten unha reina,/ ten un vivo colorado.

Este tipo de elementos son infrequentes hoxe, porén, o costume de ornamentar con unha fita encarnada o contorno do marco mantívose, e no noso obradoiro loce vermella a fita do pandeiro de man máis pequeno.

Outro tipo de “extras” son as incorporacións de elementos para modificar o aspecto sonoro, como axóuxeres ou campaíñas cravadas, ou amarradas. Aínda, como outro xeito de procurar o tinteneo, téñenselle introducido no interior fabas secas ou outros elementos que aumentasen o barullo.  Hoxe esta práctica perdeuse.

 

Debido ao seu tamaño, a membrana do pandeiro é das mais esixentes na percusión, daí tamén moitas referencias á resistencia do coiro nas coplas: Repinica no pandeiro,/non rompe que é d’este ano,/polo pelexo n’hai duda,/que é pelexo de escribano. Ou Este pandeiro que toco/ éche de coiro de xuez,/ toca pandeiriño toca/ que ben duro coiro tés e ainda o mítico coiro de cacique, para o cal hai diferentes coplas: Este pandeiro que toco/ é de coiro de cacique;/ toca, meu pandeiro, toca,/ toca pra que me desquite. Sendo a máis coñecida: Este pandeiro que toco/ por moito que o repenique/ non teñas medo que rompa/ que é de coiro de cacique.

O material da pelica hoxe é sintético e vegano, un coiro que consegue excelentes resultados sonoros, garantindo a maior estabilidade e durabilidade, porén non sempre foi así, e de feito, através das coplas recóllense referencias a moitos animais diferentes, como ovellas: Este pandeiro que toco/ era de coiro d’ovella/ que morrera de morriña,/ que de morriña morrera. De corzo: Este pandeiro que toco/ é de pelico de corzo;/ tócano en Pelendreira/ e arresona en Arandoxo. E até de can: Este pandeiro que toco/ é de pelica de can/ que murríu á túa porta/ por un bocado de panh-e.

Fose co coiro que fose, a función era sempre a mesma: acompañar o canto e o baile: Comenzade vós primeiro/ comenzade vós primeiro/ na miña terra comenzan/ tocadoras do pandeiro.

E con coplas para pandeirada despedímonos: Iste pandeiro qu’eu toco,/ sente com’unha persoa,/ unhas veces canta e ríe,/ outras veces ríe e chora.