O Lume Novo

O Solsticio de verán acontece do 21 ao 22 de xuño no hemisferio norte, e arredor desta data decorren ritos desde a antiguidade, con destaque nas celebracións da Europa atlántica. Sendo o 24 de xuño o día en que o cristianismo celebra o nacemento de Xoán o Bautista, viñéronse a solapar así ambas tradicións, facendo coincidir o antigo rito pagán coñecido como o Lume Novo coa noite de San Xoán.

 

Esta é unha das festas tradicionais mais importantes de Galiza, destacando a súa celebración nas vilas costeiras. O Lume Novo garda moita relación co entroido, compartindo ambas un fondo enraizamento, alicerces pagáns e a concesión para a inversión dos valores morais: Como no entroido, o espazo da noite do San Xoán permite, nese tempo acoutado da noite máis curta, “facer mal”. É sonado que esa noite acontecían aquelarres de bruxas, sendo famoso o areal de Coiro en Cangas, para esta celebración. Fálase tamén da actividade nesta noite de trasgos e outros seres mitolóxicos. Por dar apoio aos seres máxicos, hai moitos lugares en que a rapazada sae a facer trasnadas e moven cancelas, contentores, carros ou embarcacións de sitio, chegando nalgúns casos a pequenos actos de vandalismo.

As cacharelas

A parte do rito máis rechamante é a elaboración de fogueiras en espazos públicos, como prazas, esplanadas ou praias, en que se queiman trastos vellos e material do que se desfacer. O lume, en moitas culturas, é símbolo de purificación, axudando a deixar atrás o que fica consumido nas lapas.

Aínda, unha parte particular do rito é a de saltar a chacharela, defendendo a superstición que contribúe para a purificación e a protección de quen o fai. Cómpre realizar un número impar de saltos, sendo tres o mínimo recomendado. E isto pode acompañarse de coplas tipo: Salto por riba/ do lume de san Xoán,/para que non me morda/cadela nin can/nin bicho vivinte/que ande polo chan. Con algunhas posíbeis variacións como Sálvote lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin cantos males han.

Como en toda festa que se prece, a comida é unha parte importante, e as brasas son aproveitadas para a elaboración do prato típico: sardiñas -que están no tempo- con cachelos e pan de millo. 

A auga

Tamén a auga é un elemento básico no rito do Lume Novo. Así como de xeito cotián a auga serve para limpar, a auga do San Xoán limparía alén da suxidade material, protexendo contra doenzas durante o resto do ano, coas súas propiedades máxicas.

Para isto, prepárase antes do pór do sol un ramo con diversas flores e herbas aromáticas, que varían segundo a zona, sendo as sete máis frecuentes: romeu, xesta, malva, fentos, hipético, fiuncho e herba luísa. Porén, é usual ver tamén roseiras, estalotes e macela. Cómpre apañalas na véspera, e hoxe en día é frecuente ver os ramos á venda, sobre todo nas cidades.

Antes de poñerse o sol introdúcense os ramos na auga e déixanse durante toda a noite no exterior para que tamén garde o orballo fresco. No día a seguir, úsase para lavar a cara, sendo un proceso que achegaría saúde e beleza. Tamén para isto se conservan coplas populares:

Día de san Xoán, alegre/ meniña, vaite lavar,/pillarás auga do paxaro/ antes de que o sol raiar/ Irás arrente do día/ a i-auga fresca a catar/ da auga do paxariño/que saúde che ha de dar/Corre meniña, vaite lavar/alá na fonte te has de lavar/ i a fresca i-auga desta manecida/cor de cereixa che ten que dar./ Se arraiar, se arraiará/ tódalas meigas levará;/ xa arraiou, xa arraiou,/ tódalas meigas levou.

Aínda, existe a crenza de que as flores protexen a casa, e a tradición manda deixar o ramo secar e conservalo pendurado en algún lugar da casa todo a ano, para evitar que entren males nela, até poder queimalo na próxima fogueira e renovalo no solsticio do seguinte verán.

Fotografía de portada: Emilio Romanos