Tecnicamente podemos denominar como tambor calquera instrumento que conste dunha cavidade cuberta con unha pel tensa que vibra ao bater nela, mais dentro desta categoría tan xenérica, hai moitos matices. Na tradición musical galega hai uns tambores en particular que só se sinten nesta época do ano. Son os tambores de entroido, que acompañan os folións das zonas de Terra de Trives e Viana.
Esta percusión é o son inaugural para unha das celebracións máis catárticas da nosa cultura tradicional, o entroido, e nalgúns casos, á agrupación de tambores poden sumárselle outros instrumentos idiofónicos como sachos, legoñas ou gadañas. Aínda, na parroquia de Mormentelos de Vilariño de Conso tamén se documentaron trompetas, cornos de vaca e cornetas de metal, nesta agrupación.

Fotografía: Verpueblos.com
Os tambores de entroido son un instrumento ben especial, para alén da particular e acoutada distribución xeográfica e temporal, non fan o labor de acompañar a melodía da gaita, se non que conforma una agrupación específicamente de tambores.
A característica que máis destaca deste intrumento é o seu tamaño, moi superior aos tambores comúns. Son chatos, pesados e cun diámetro que vai dos cincuenta ou sesenta centímetros e pode chegar até o metro! De feito, algúns eran tan grandes que facían falta tres persoas: levábano entre dúas e unha terceira batía nel. Porén, o común é levar cadanseu, pendurado do ombreiro, colocado case horizontal, e usar dúas mazas de madeira para tocalo. As mazas son feitas habitualmente de castiñeiro ou de buxo. Tamén de castiñeiro adoita ser a madeira con que se fai o propio tambor, e o coiro é tradicionalmente de carneiro, curtido con sal e cinsa. A maioría deles non se pintaban, aínda que hai algúns documentados en Vilariño de Conso pintados coa caixa azul e os aros vermellos.
Aínda hoxe se conserva a fabricación tradicional, porén, xa existen tamén tambores máis novos, feitos con táboas de chopo, o que fai que sexan ben menos pesados.
Tambores similares a estes téñense documentado tamén no norte de Portugal, en agrupacións de Carnaval denominadas Zés Pereiras -que manteñen relación coa comarca galega de Viana, e mesmo desfilaron con folións- así como na zona do Baixo Miño galego e do Alto Minho portugués, coas agrupacións denominadas Treboadas.
A orixe deste instrumento é difícil de datar, porén, o xeito de construción, a partir do baleirado dunha árbore seca, é o máis antigo que se coñece, e poderíamos remontarnos á Baixa Idade Media, ou mesmo antes. Agora, toca xa ir gardando os tambores de entroido, e agardar polo do ano que vén!
Vídeo: La Región
Fotografía de portada: Emilio Romanos