Cada Nadal trae consigo non só as luces e os encontros senón tamén un repertorio musical que une xeracións: as panxoliñas e os Cantos de Reis. Xa falamos noutra ocasión —no artigo Da licenza para que lle cantemos os Reis— da importancia destes cantares como memoria musical e rito comunitario. Retomando aquel fío, podemos voltar ollar cara estas melodías e detérmonos agora nos instrumentos que lles dan corpo, na súa dimensión artesanal e na capacidade que teñen de converter o Nadal nun tempo aínda máis participativo.
Os Cantos de Reis teñen unha forza especial: grupos de veciñanza e amizades que, porta a porta, piden licenza para cantar e recibir algunha galopinada en troca. As panxoliñas, pola súa parte, son cantos que se reservan para a Noiteboa e o día de Nadal, cun ton máis íntimo. Ambas tradicións sobreviviron grazas á transmisión oral, con letras que falan da tradición cristiá con referencias ao neno Xesús, a estrela ou a viaxe dos Magos, pero tamén con estrofas que servían de desculpa para pedir o aguinaldo e compartir viño ou larpeiradas.
As festiñas de Nadal
son festiñas de alegría
camiñando vai José
e máis a Virgen María.
A la media noite en ponto
la Virgen parido había
Tivo un neno tan fermoso
que el mismo Dios parecía.
Unha das características máis fermosas destes cantos é a súa sinxeleza. Moitas veces chegaban ao oído só coa forza das voces, pero non era raro que os acompañase o pulso dunha pandeireta, o repenicar dun tamboril ou o sopro dunha frauta. Eses instrumentos dan ritmo e textura e fan que o canto colectivo soe máis poderoso. Hoxe podemos engadir tamén opcións novas, como o bodhrán, que encaixa á perfección no repertorio grazas á súa capacidade de marcar un latexo grave e envolvente, sen eclipsar nunca a voz.
No obradoiro de Pablo Martínez conviven instrumentos que teñen moito que dicir neste contexto. O bodhrán afinábel, por exemplo, permite axustar a tensión do parche para adaptarse ao ambiente dun serán ou ao recollimento dunha misa de Nadal. O modelo pintado de negro, máis sinxelo, ofrece tamén un son firme, perfecto para quen se inicia. E xunto a eles, frautas e pandeiretas lembran que non fai falta unha formación académica para acompañar unha panxoliña: abonda con deixarse levar polo ritmo, como fixeron sempre as xeracións anteriores.
Fotografía: www.historiadegalicia.gal
Recuperar estas tradicións non é só un xesto nostálxico. É unha forma de poñer en valor a música como parte da vida diaria, de entender que o Nadal pode celebrarse tamén a través da voz compartida e do son dos nosos instrumentos máis próximos. Así, as panxoliñas son as mellores representantes do Nadal galego.
Fermosa e fulxente
aí vén a estrela,
i-aí veñen tras dela,
os Reis do Oriente
e aí veñen os Reis do Oriente.
I aí veñen de lonxe
de alá do horizonte
xa baixan do monte,
xa van a chegar.
Tres magos que aí veñen
de alá presurosos
veloces e ansiosos
ao Neno adorar.
Fermosa e fulxente
aí vén a estrela,
i-aí veñen tras dela,
os Reis do Oriente
e aí veñen os Reis do Oriente.
Luxosos criados
Con grandes mantelos
e enormes camelos
Séguenlle detrás.
Enormes cabalos
moi ben adorrnados
van neles montados
marchando ao compás.
Fermosa e fulxente
aí vén a estrela,
i-aí veñen tras dela,
os Reis do Oriente
e aí veñen os Reis do Oriente.
Enriba un pesebre
a estrela detense
e aumenta a súa clara
simbólica luz.
Os Reis de xeonllos
ao ceo imploran
e humildes adoran
ao Neno Xesús.
Fermosa e fulxente
aí vén a estrela,
i-aí veñen tras dela,
os Reis do Oriente
e aí veñen os Reis do Oriente.