Leilía despídese dos escenarios

Durante este primeiro mes de 2024 o mítico grupo de música tradicional Leilía deixa os escenarios logo de máis de 30 anos de dedicación á música. 

“Anque me vou non me vou,
anque me vou non te olvido,
anque me marcho co corpo,
quédame aquí o sentido»

Con esta copla despiden as Leilía unha carreira sobre os escenarios de máis de tres décadas. A súa xira de despedida,  “Anque me vou non me vou”, fai un repaso pola súa extensa carreira e mistura temas recentes cos seus sons máis clásicos, dos primeiros traballos. Unha proposta sonora coa que deixarán de tocar nos escenarios, pero non pode ser un final, xa que a súa música non  deixa de soar, pois é xa un fito na historia da música galega.

En 1989 é cando se xuntan Felisa Segade, Montse Rivera, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez. Seis mulleres músicas con vontade de desenvolveren un proxecto alicerzado na tradición oral musical de raíz galega. 

A súa aposta foi innovadora, levando aos palcos un repertorio tradicional fruto das recollidas da tradición oral. Elas souberon poñer en valor un patrimonio inmaterial valiosísimo, construído através da creatividade e intelixencia colectiva en espazos comunitarios e transmitido de xeración en xeración.

Foron, na última década do século pasado, precursoras, demostrando que a música tradicional galega resístese a ser apenas cousa do pasado. Leilía afirmaba a dignidade das pandeiretas ao mesmo nivel que calquera outro instrumento, e demontraba que a música feita popularmente por mulleres no noso país podía encher un escenario igual que calquera outro xénero musical de actualidade. E aínda, incorporaron aos seus espectáculos os elementos sonoros que tradicionalmente se viñan usando para as foliadas populares, como latas a sachos. 

Tanto a crítica como o público recoñeceron o bo facer das Leilía, que hoxe xa son un referente imprescindíbel, con un percurso que é unha riqueza para a cultura galega en xeral, e un pracer para todas as persoas que desfrutamos en particular do “tradi”.

No seu primeiro disco, de mediados da década de 90, “Leilía” recollía exclusivamente pezas tradicionais, case como um exercicio de reprodución etnográfica, en 1998 lanzou o seu segundo traballo, “I é verdade i é mentira”, no que permitiron modular os ritmos e as coplas para o presente. Despois, os traballos no novo século xa incorporan unha novidade importante: a creación de letras actuais. Con estas características naceu en 2003 o disco “Madama”. A evolución continúa, e no 2005 celebran o seu 15º anivesario coa publicación de “Son de Leilía”, en que ademais destacan varias colaboracións con outros artistas. Leilía xa é central no campo de artistas na música tradicional na Galiza, e seguen facendo achegas: No 2012 editan un novo traballo “Consentimento”, mantendo a esencia tradicional, pero con letras propias. E no 2019 estrean: “CantarElas”, un repaso a unha carreira de tres décadas e a un repertorio que enraíza nas voces que cantaron durante séculos.

Ademais, cómpre destacar as colaboración con outras artistas, tanto galegas, como Guadi Galego, Xosé Manuel Budiño, Milladoiro ou os Diplomáticos de Monte Alto entre outros, como tamén estranxeiras, das Ganhadeiras de Itapuá (Brasil) a Kepa Junkera. 

É esta unha despedida agridoce, coa mágoa de saber que non voltamos contar con elas nos escenarios e festivais, pero tamén alegre, chea de orgullo e agradecemento por unha achega tan valiosa como a súa. 

Fotografías: https://leilia.net/