A primeira fin de semana de xullo consolídase no calendario de encontros dedicados á música de raíz no sur da Galiza. A comarca do Baixo Miño acolle, os días 3, 4 e 5 de xullo, a sexta edición do Festival da Cultura Tradicional e Folk de Tui.
Trátase dun encontro arredor do patrimonio musical e etnográfico galego organizado pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello. O festival, que naceu en 2021, dá boa conta da vitalidade da nosa música tradicional e folclore.
O programa combina actuacións musicais con actividades de divulgación, seguindo unha liña habitual nos encontros de música tradicional: non ser apenas un espectáculo, mais unha escola de formación e lugar de convivio e encontro para amantes da nosa música de raíz.
A programación deste ano comeza o venres 3 de xullo ás 20:00h coa inauguración da exposición “Abrindo as Huchas da Bisbarra de Tui” no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, onde se presentarán pezas da vestimenta tradicional, algunhas do século XIX. A exposición poderá visitarse durante toda a fin de semana en horario de 10h a 1h e de 17h a 22h. A apertura estará acompañada do concerto “O traxe cantado” a cargo de Luís Prego, onde fará un percorrido musical a través das referencias ás costureiras, á produción dos tecidos e ás prendas de vestir e aos complementos, entre outras pezas.
Fonte: Valmiñor TV
O sábado 4 será a xornada central do festival. Ás 21:30h, na Praza de San Fernando, terá lugar o XI Certame de Gaita e Tamboril, un encontro que reúne intérpretes e afeccionados de todo o país arredor de dous dos instrumentos máis representativos da nosa música. Este evento foi recuperado hai máis dunha década pola Asociación San Telmo, pois era un certame que se celebraba xa na primeira metade do século XX.
A seguir, ás 22:00h, chegará o concerto de Xisco Feijoo, unha das voces máis recoñecidas no traballo de investigación e difusión do repertorio tradicional galego, que presentará o seu último traballo, “Xisco Sinfónico”, acompañado de Juan Eiras, a Orquestra Sinfónica de Valga e o grupo de pandereteiras Sadeo.
A clausura será o domingo 5 de xullo ás 19:30h co XI Día da Muiñeira de Tui, unha celebración colectiva do baile que reunirá quince agrupacións e máis de 350 persoas, que interpretarán conxuntamente dúas muiñeiras e dúas xotas. Participarán as agrupacións locais O Mosteiro, de Pexegueiro; Seixos Albos, de Areas; a Alfándega, da Asociación Cultural San Telmo; e Saragana, da Asociación do Traxe de Tui. Chegarán tamén agrupacións da contorna, como Ondiñas do Mendo, de Salvaterra; A Nosa Terra de Pereiras, de Mos; a Agrupación Cultural Xunco, de Salceda; Trompos os Pés, de Marín; Carballo das Cen Polas, de Redondela; Pais de San Roque, de Cangas; Ecos e Agarimos, de Peitieiros, e Froles do Galiñeiro, de Vincios, ambas de Gondomar; e, desde Vigo, Andarela, Airiños do Coto, de Peinador, e Peña Xuntanza, de Coia.