Hai quen diga que a recuperación desta festa de orixe pagá é a tradución para o galego dun invento americano, porén, foi a emigración irlandesa quen levou no século XIX para os Estados Unidos a celebración da véspera de todos os Santos (All Hallows’ Eve), que misturaba -como en tantas outras festas- o pouso pagán cun envoltorio cristián, nun resultado mestizo que lembra os defuntos e naturaliza a morte.
Na Irlanda, na Galiza e en moitos outros pobos de cultura atlántica pervive esta festa asociada ao ciclo anual do sol, ligada ao equinoccio de outono que dá entrada ao inverno, rodeada de magostos e homenaxe aos nosos mortos.
De feito, o famoso “truco ou trato” americano, xa existía e era perseguido pola igrexa galega do século XVI, como se recolle nas Constitucións Sinodais de 1541 do bispo de Mondoñedo, Antonio de Guevara:
Constounos pola visita que o Día de Todos os Santos e no día a seguir de defuntos andan todos os mozos da freguesía a pediren polas portas e danlles pan e carne e vino e freixós e pixóns e outras cousas, e que piden así os fillos dos ricos e os dos pobres; e por ser máis este rito xentil que cristián, ordeamos e mandamos que, de aquí en diante, ningún mozo vaia aqueles dous días de porta en porta a pedir (…) baixo pena de que o pai ou a nai que enviaran o seu fillo a pedir aqueles días pague mil maravedís.

A tradición resistiu con maior ou menor vigor, segundo as zonas. Na Illa da Arousa, por exemplo, o costume de as crianzas sairen pedir “Unha esmoliña polos defuntiños que (xa) van alá” aínda se conserva, e a veciñanza entrégalles castañas, boliños de pan ou outras lambonadas.
Está documentada, tamén, no noso país e máis no norte de Portugal, a tradición de vaciar cabazas e nabos e deixalos con candeas polos camiños, así como o costume de deixar o lume aceso e non recoller a mesa despois da cea no día 31 de outubro, por se as ánimas acodían durante a noite. Unha práctica que naturaliza a morte, en relación á vida, grazas ao xogo e ao humor.
É nestas datas que o mito da Santa Compaña colle protagonismo. Esa comitiva de defuntos en procesión nocturna, silenciosa e con velas, é un dos mitos máis asustadores da cultura popular galega. Cómpre evitar cruzarse con ela como sexa, xa que do contrario a persoa viva fica condenada a sumarse á comitiva, e só se pode librar desta madición pasándolle o testemuño a outra persoa.

Para quen non teña medo, as festas máis sonadas do Samaín 2023 son as de Marín, Allariz, Ferrol, Cedeira, A Coruña, Pontevedra, Ribadavia, Quiroga, Catoira e Quiroga.
E para quen queira alongar a festa, a primeira quincena de novembro cadra tamén o San Martiño, data arredor da que se realizan tradicionalmente as matanzas do porco e continuan os magostos, todo intimamente relacionado. De feito, o antropólogo Mariño Ferro describe a castaña como símbolo de vida que combate á morte: xa que é recorrente que a castaña apareza nos ritos funerarios tradicionais.
A relación entre a celebración dos defuntos e o costume de asar castañas está documentada xa no século XVI, segundo, de novo, o bispo de Mondoñedo, Antonio de Guevara:
Os notables da parroquia, dentro da capela, xantaban e bebían a fartar en altares convertidos en mesas para a ocasión. Os pobres, entrementres, preparaban castañas no adro mentres agardaban a xenerosidade dos principais.
A nosa tradición oral, en particular através da música, lembra a importancia destas datas, e -con medo ou sen el- é tempo de cantar e bailar: Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto,/ non chas quero, non chas quero,/ que me cheiran ao chamosco.
