Xa chega a IX Foliada da Fonsagrada

Este ano, en que se fan xa nove edicións, a festa decorrerá nos días xoves 5, venres 6 e sábado 7 de decembro.

Organizada pola Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, a Foliada da Fonsagrada é un evento cultural sen ánimo de lucro localizado en terras de Burón, a comarca da montaña lucense que integra os concellos de Negueira de Muñíz, Ribeira de Piquín e a Fonsagrada.

Esta festa, que se estableceu en 2015, é xa todo un referente a nivel galego. Hai feira de artesanato, obradoiros, cantos de taberna e unha foliada que quenta o corazón. En 2023 foi premiada como Mellor Festival de Galicia nos Premios Martín Codax da Música.

Esta edición está dedicada a Herminio Villaverde, coñecido como o mestre da trompa de Fonfría. Sobre este músico escribiu Javier María López Rodríguez o libro “Herminio Villaverde, a trompa na Fonsagrada”, dedicado a Herminio Villaverde, mais tamén ao instrumento no que era virtuoso, o coñecido como trompa ou birimbao, de difusión internacional e que tamén fai parte da paisaxe sonora das montañas orientais galegas. 

As inscricións para participar nos cantos de taberna chegaron ao máximo ao pouco de abrirse o formulario. E tamén se esgotaron decontado as prazas para durmir que a asociación facilitaba, na Escola Fogar da Fonsagrada. Toda a información sobre esta posibilidade está neste documento, porén, dada a altísima demanda, cubríronse todas as prazas en apenas unha hora.

ix-foliada-a-fonsagrada_img12805n1t0

Xoves 5

A primeira xornada comeza cun obradoiro de iniciación á pandeireta, impartido por Ismael Carcerdo. Será de 17h a 10h, para un grupo de entre 15 e 20 persoas con un prezo é de 10€, para o que hai que levar o propio instrumento.
Tamén haberá un monográfico especial de bailes do centro de Asturies, impartido por X. Luis Ángel Fernández: Jota, Saltón e Muñeira. Unha formación para quen xa teña coñecementos básicos de gaile galego e queira coñecer as variantes asturianas. Será de 18h a 21h, con un prezo de 20€ e para un total de 13 persoas.

Este primeiro día remata cunha boa cea: Butelada da Fonsagrada (con alternativa vexetariana!), às 21:30, e opción de menú infantil para menores de 12 anos. A inscripción debe ser feita aquí antes do día 3 de decembro.

Venres 6

A xornada do vernes comeza de mañá, con cantos de taberna polos bares da Fonsagrada a partir das 12h.
Despois, a festa pode alongarse e contará, a partir das 21h, con Maricarme, a unión de tres destacadas figuras do panorama musical galego: Cibrán Seixo (Davide Salvado, Budiño), Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Migui Carballido (Zeltia Irevire). Combinando violíns, pandeiros e buzuki en acústico, con pads e pedais electrónicos.

Tamén estará na Fonsagrada o conxunto “El Naán”, composto por Carlos Herrero, Héctor Castrillejo e Adal Pumarabín. Unha mestura de poesía e música da tradición ibérica a través de instrumentos ancestrais, como pezas de barro, ósos, sementes ou tixolas.

E pecha a noite a artista portuguesa Ana Lua Caiano, recoñecida cos Premios NME Awards e como “Artista Revelação” nos PLAY-Prémios da Música Portuguesa, que fusiona música tradicional portuguesa con electrónica.

Sábado 7

A xornada arranca co Vermú Polavileiro, coas Bouba, o conxunto de Ordes que, trás o seu último traballo, “Vinculeiras”, chegan máis maduras que nunca, dispostas a tocar, cantar e levar alegría canda elas. Tamén amenizarán o vermú Candroka Trío, que presentan “Fonsagrada”, o seu primeiro traballo, onde conxugan o repetorio gaitístico e vocal da comarca con sonoridades do jazz europeo, o rock ou a música clásica.

Despois chega: Mediarea, ás 21h. O conxunto de Gael Pérez, Luís Malvido, Zé Pumar e Rodri Martínez, que comparten o amor pola música patrimonial galega e a vontade de contribuíren para a súa boa saúde.

Estará tamén Xosé Lois Romero & Aliboria, un coro de voces femininas e percusión tradicional que explora a facción máis africana da World Music, o indixenismo latinoamericano e elementos contemporáneos da música industrial.

A seguir, encherán o escenario as fillas de Casandra, o dúo que vén revolucionando o panorama musical galego nos últimos tempos, formado por Sara Faro e Maria Soa, que presentan o seu espectáculo “Últimas Dionisíacas”.

E para pechar o último concerto da IX Foliada estará Llevólu’l Sumiciu, o proxecto audiovisual dos irmáns Pablo e David Alonso, onde fusionan ritmos electrónicos con base na tradición musical asturiana, acompañándoo dun espectáculo visual que restaura gravacións antigas e as mestura con novas creacións.