XII Festa da gaita galega e cantos de taberna

A Festa da Gaita Galega de Arzúa chega este ano a unha ducia de edicións, nunha  xornada de celebración que se desenvolverá o próximo sábado, día 5 de abril a partir das 12h do mediodía.

Arzúa é a capital dunha comarca que destaca pola vitalidade da música de raíz, e que con esta festa, pon en valor o noso intrumento estrela, a gaita de fol.

Organizado desde 2012 pola asociación socio-cultural Festa da Gaita Galega, o encontro, que este ano coincide co primeiro sábado de abril é unha oportunidade para levar a gaita afinada e desfrutar dun día de festa, confraternización e moita música.

Foto: Arzúa Turismo.

Os cantos de taberna desta festa tamén son referenciais e xa colleron sona por todo o país, como recoñece falando connosco un dos seus organizadores, Xurxo Gómez, quen colleu o relevo dos fundadores hai agora sete anos “cando comezou, ninguén pensaba que podía chegar a este punto de recoñecemento”, sinala.

Un percurso de doce anos que deu para homenaxear un feixe de axentes referenciais da música tradicional, de Basilio Carril ou Xoán Bello Mallou a Treixadura, entre moitos outros. Pois en cada edición homenaxéase a alguén, e como curiosidade, este ano, serán Os Melidaos, grupo tradicional formado por Pepiño Blanco, Xele Barrio, Antonio Raposo, César Tarela, Luís S. Bolón, Felipe Sar e Marina F. Vigo, con catro discos editados, e que na primeira edición da Festa participaban, como un máis, nos Cantos de Taberna.

Máis de vinte locais da hostelaría da vila teñen as portas abertas e participan na ruta dos Cantos, que son: Ameixa, A queixeira de Arzúa, Café Teatro, Galicia, Pecar, Luís, Bodega de José, Furancho de Santiso, Manolo, Praza, Casqueiro, Estanco, Filloas do Camiño, Pedrito, Casa Nené, Brevís, Casa Frade, D’Susan Café, Florencio, A fraga e a Parrillada Europa.

E até 28 son os grupos confirmados: Os amighos da túa prima, Luar das Augas e a Xuntanza, todos de Arzúa. Os Santiaguiños de Boimorto, a Reviravolta do Pino, O fol da Chousa de Visantoña, Movendo Marcos, Os da Taberna de Melide, Afogapalletas de Taboada, Brañas de Andrés de Santiago de Compostela, Varacuncas de Rodeiro, Os leiraenfestas, Os da Cova e os Tombalobos Orquestra da Corunha, Do lado do Sol de Abegondo, Raiñas ao lado de… Culleredo, Arnela de Carral, Neboas no Cumio de Sigüeiro, Os pequenos do Barbansa, Liantes & Friends Ribeira, Son de Gaita de Boqueixón, Maruxía de Laxe, Nubeiro de Lugo, Pedra Mallada de Mesía, e vindos de fóra, Ardelleo Eixo, do Centro Galego de Tres Cantos, de Madrid, e máis Denbora Kolpera Muskiz, de Euskal Herria, que axustarán os instrumentos tradicionais vascos ao ritmo da muiñeira.

Para Xurxo Gómez, este encontro é vivido de xeito moi especial e xustifica todo o esforzo de organización e loxística levado a cabo, porque “en primeiro lugar amamos a nosa música e cultura por riba de todo”. Ademais, salienta o enriquecedor do encontro “acabas coñecendo xente interesantísima dentro da música tradicional, e cando ves que xuntas 500 gaiteiros e gaiteiras gozando do noso, e pos o teu granziño de area para lle recoñecer a unha persoa ou agrupación o que fixo pola música tradicional, fai que o esforzo mereza a pena.”

Xurxo Gómez, no primeiro ano da Festa, en 2012.