O Folk de Raíz de Callobre, na Estrada, chega este ano á súa vixésimo quinta edición. O festival, que estaba inicialmente previsto para o mes de xullo, tivo que adiarse por mor do mal tempo e finalmente decorrerá o venres 11 de setembro, cunha programación que comezará con xogos tradicionais, conta con obradoiro de baile e remata con concertos.
A historia do festival está ligada á Asociación Cultural Regatos e á propia comisión de festas de Callobre. Segundo explica o seu presidente, José Rafael Tato Lea, o encontro naceu arredor do ano 2000, cando un grupo de persoas amantes da música tradicional e do idioma decidiu ampliar as festas da parroquia cunha xornada dedicada especificamente á música de raíz. A proposta funcionou desde o primeiro momento e, desde aquela, o festival non deixou de celebrarse.
“Nunca pensei chegar a onde estamos, de ser capaces de manter un festival e traer a tantos grupos á Estrada”, confesa Tato, que destaca así a dimensión que acabou adquirindo aquela iniciativa que nacera como unha xornada máis das festas da parroquia.
O traballo de Regatos, porén, vai máis alá da organización do Folk de Raíz. Até o ano pasado, a asociación tamén mantivo un grupo de música tradicional, actividade que agora deixou paso a unha etapa centrada no traballo cultural. Entre as iniciativas que desenvolven están as Noites de Raíz, foliadas que decorren entre xaneiro e maio, o segundo sábado de cada mes, no local social da parroquia. Por elas pasaron, ao longo dos anos, ducias grupos emerxentes do panorama da música tradicional.
Fonte: Folk De Raiz
Esta XXV edición comezará ás 19:30h coas sesións de Xogos Tradicionais dinamizadas por Sororas e continuará ás 20:30h cun obradoiro de baile con Hadrián García. Xa ás 22:00h chegarán os concertos de Meniños do Pandeiro, Cé Orquestra Pantasma, De Ninghures e Leirabuxo.
Así, vinte e cinco edicións despois daquela primeira experiencia vinculada ás festas de Callobre, o Folk de Raíz celebra o seu cuarto de século mantendo a aposta de autoorganización e dinamización cultural de base, escollendo un lecer participativo; unha festa para xogar, bailar e cantar todo o mundo, que este ano chega no mes de setembro.