XXVII Festival Intercéltico de Avilés e Comarca

Van xa vinte e sete edicións do Festival Intercéltico de Avilés e Comarca. Este é o festival da cultura celta máis importante de Asturies, sendo recoñecido como Festa de Interese Turístico Rexional.

O Festival está organizado pola Asociación Cultural Esbardu. Como curiosidade, Esbardu é o nome das crías dos osos, en lingua asturiana. Fundada en 1989, Esbardu dedícase ao estudo, recuperación e divulgación do folclore tradicional de Asturias. Ademais da xestión da escola de Música e Baile tradicional, banda de gaitas e grupo de folclore infantil, tamén é a responsábel de organizar o Festival, un evento de referencia fóra das fronteiras da terra Astur.

A edición de 2024 decorrerá do 20 ao 28 de xullo e contará con representación galega, da man do grupo Ailá (gañador dos premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional) e tamén da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa de Sada.

Ademais, chegarán dende Irlanda Damsha Na Hèireann e de Escocia Wee Cumbrae P.B, Ross Ainlie & Tim Edey e Elizabeth Gollan H.D. Tamén haberá representantes da Bretaña con Bugale An Oriant,, e aínda a banda Stolen Notes formada en Sevilla.

E o prato central, claro, será unha destacada participación asturiana con Tejedor e Invitados, Baxel, Los gascones, o grupo de Danza Arcos Esbardu, o Grupo de Baile Tradicional Esbardu e a Banda Gaites Esbardu, a Academia de danza STEP, o Club gimnasia rítmica VALOE, os pandeireteiros D’Anguañu, o grupo de baile La Xordia, Bandina Turcipié, B.G. Saxum, La Madreña, De Coti, o Grupo de Baile Fitoria e Seis Riales.

Aínda, para alén das actuacións musicais, haberá mercado, obradoiros de baile e restauración de instrumentos e, sobre todo, moita festa.

1719868230245